A vida ficticia do concello da Illa

A Illa de Arousa

m. miser

A rodaxe de «Vivir sen permiso» transforma o consistorio insular na comisaría dun lugar bautizado como Oeste

13 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O salón de plenos do Concello da Illa deixou de ser, onte, o escenario no que se debaten, periodicamente, os grandes asuntos desta localidade arousá. A maxia da televisión converteu este recinto nun gran camerino e sala de maquillaxe no que se instalaron os integrantes do equipo de «Vivir sen permiso», a serie que José Coroado e Álex González rodarán nas Rías Baixas durante os próximos meses.

Onte pola mañá, nin a un nin a outro lles tocou desfilar pola Illa. Pero por alí si que andaron Carlos Hipólito ou Xabier Deibe (Pancho en «Serramoura»), inaugurando unha rodaxe que puxo patas para arriba a vida no Concello e no resto da localidade. Porque onte a contorna do consistorio, elixido como a comisaría de policía de Oeste, estaba cheo de curiosos que, teléfonos en man, querían inmortalizar o día en que A Illa converteuse nun gran estudio.

E, como en todos os estudios, encheuse de xente. Duns oitenta profesionais desprazados para a rodaxe e dunha infinidade de figurantes que, pese á calor, lucían con enteireza grosas chupas de coiro. Entre eles estaba Duarte Galbán, un actor rianxeiro que se meteu no traxe dun policía nacional. O Fernando Fernández, que tamén fai de axente. Bordará cada unha das súas aparicións: en realidade é policía.

A rodaxe acaba de arrincar. E os actores principais xa están descubrindo os segredos que se esconden na comarca. Algúns son paisaxísticos, outros cuestión de pura e dura gastronomía. Atentos, porque poderán atoparllos en calquera lado.