Que facemos cos patos do río?

Antonio Garrido Viñas
a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

A Illa de Arousa

MARTINA MISER

Vilagarcía é unha das localidades que están baixo vixilancia especial pola gripe aviaria, pero ninguén parece ter claro de quen é a responsabilidade das aves do Con

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A noticia saltou fai só uns días. Sete concellos arousáns (A Illa, Vilanova, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove e Sanxenxo) foron clasificados como zonas de especial risco, e outros dous (Vilagarcía e Meis) figuran nunha listaxe de 25 localidades de «especial vixilancia» pola ameaza da gripe aviaria. Unha circunstancia que obriga, por exemplo, a que os propietarios de galiñeiros situados nos municipios de especial risco deben dirixirse ao seu concello ou á oficina agraria máis próxima para rexistrar os seus animais.

Pero, que pasa cos patos ou as ocas que están, por exemplo, no río O Con? Para empezar, Ravella entende que non son seus e que, polo tanto, non ten moito que facer. As competencias sobre a prevención da gripe aviaria corresponden a Medio Rural, pero desde alí aclaran que non é súa a responsabilidade sobre os animais que campan ás súas anchas, soltos nas canles dos ríos, e que correspondería a Medio Ambiente. E, efectivamente, así é. Son os seus axentes ambientais quen se encargan de vixiar esas zonas pero tampouco parece moi claro -polo menos onte esta Redacción non recibiu resposta respecto diso- se existe algún protocolo de actuación unha vez que a ameaza da gripe aviaria se cerne sobre os concellos arousáns.

A gripe aviaria foi detectada por primeira vez o século pasado en Italia. Pode afecta a calquera ave, aínda que patos, galiñas e gansos son os máis propensos a sufrila. A alerta xurdiu agora de novo tras o sucedido en Cataluña, cando afectou a varias granxas daquela zona e provocou cuantiosas perdas. O virus só «excepcionalmente pode transmitirse das aves ao home», segundo explica un documento do Ministerio de Sanidade. E, para que se produza, o contaxio «require un contacto reiterado e próximo con animais enfermos».

O problema que aparece no Salnés, e de aí a orde que se publicou no BOE, é que conta con factores de risco como a densidade media elevada de aves migratorias nos humidais, o gran número de explotacións de aves de curral próximas a lugares onde poden reunirse e a dificultade de evitar suficientemente o contacto coas aves de curral ou outras cativas e especies silvestres. E parece claro que moito máis contacto poden ter os patos que moran no Con sen demasiado control, algúns deles salvaxes, que os inquilinos dos galiñeiros.