«O concerto de hoxe é unha experiencia sensitiva completa»

MARIÑA SANTALÓ

AROUSA

MARTINA MISER

A cantante galega-suíza é a protagonista do último concerto do mes de xullo do ciclo Os Xoves de Códax

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Nastasia Zürcher pecha esta noite os concertos dos Xoves do Códax do mes de xullo. A súa axenda, este verán, é un non parar.

-É unha adega un escenario especial?

-Este concerto é unha experiencia sensitiva completa porque as vistas e a contorna son impresionantes, a calidade a nivel de son é moi boa e os viños e os produtos de Martín Códax son unha delicia. Reúne unha serie de factores que fan que se trate dunha experiencia moi completa.

-É o cuarto concerto e rompe coa tónica de parellas ao ser unha actuación en solitario, por que este cambio?

-A proposta inicial foi a de compartir concerto, pero finalmente decidimos que tiña máis sentido dalo co formato da xira na que estou inmersa. Foi unha decisión motivada polo momento no que estou, a piques de presentar novo disco e dando os ultimísimos concertos da xira «My Flight». Nesa transición de disco a disco parecía máis lóxico que fose así, xa veremos que pasa no futuro.

-Fala de futuro, para un artista resulta interesante a actuación conxunta con outros músicos de estilos distintos?

-Creo que é unha oportunidade enorme e unha das claves deste ciclo. Ademais do conxunto do que falabamos antes, trátase de concertos únicos. Estiven no de Cristina Pato e Wöyza e foi unha pasada. Se a oportunidade se dá máis adiante será ben recibida. Paréceme unha gran oportunidade para os artistas.

-Hoxe vén como artista, pero xa o fixo como público, como se vive desde o outro lado?

-Estiven en dous concertos, un desta edición e outro da pasada. É a riqueza desta profesión. Un día estás no escenario e outro abaixo, gozando.

-Na transición dun disco a outro, xa se deu a coñecer unha das novas cancións, que tal acollida está a ter?

-A verdade é que moi ben. Tocámola nos dous últimos concertos e estamos súper contentos coa acollida que está a ter. O disco xa está gravado e en agosto empezamos a gravar o videoclip.