Infraestruturas colocará un semáforo con pulsador para o perigoso cruzamento das Salinas na Lanzada

Marcos Gago Otero
m. gago SANXENXO / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

É a opción máis vantaxosa para garantir un mínimo de seguridade aos peóns

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O acceso á praia da Lanzada a través do viario das Salinas, que comunica o famoso areal co núcleo da Revolta, en Sanxenxo, será máis seguro. A Consellería de Infraestruturas optou pola colocación dun semáforo con pulsador para facilitar o cruzamento da PO-308. O departamento autonómico rexeitou dúas alternativas. Por unha banda, a construción dun paso subterráneo, ademais da complexa tramitación administrativa, atópase cun problema grave: alagaríase cada vez que houbese mareas vivas. A instalación dunha pasarela eleveda sobre a PO-308 é outra solución, pero o impacto visual para dar gálibo aos camións e o feito de que moitos peóns seguirían sen usalo, desaconsella tamén a aposta por esta solución técnica.

Así pois, o semáforo con pulsador é a opción máis vantaxosa para garantir un mínimo de seguridade aos peóns e coa certeza de que será respectada pola maioría dos usuarios que accedan ao areal desde ese punto.

Prolongación do illote

O deseño deste operativo prevé a prolongación do illote actual, a redución da velocidade neste tramo da PO-308, que pasará aos 30 quilómetros por hora, un valor adecuado para evitar atropelos, a instalación de reductores de velocidade, que poderían retirarse no inverno para non interferir no tráfico en épocas de pouco tránsito peonil á praia.

Así mesmo o paseo iluminarase, cunha luminaria interactiva, sinalizarase e balizará a zona. Ademais porase unha instalación eléctrica adecuada. O orzamento da obra roldará os 60.000 euros, segundo transcendeu.