O Arousa visitará ao pechacancelas sen a menor marxe de erro, e só tres defensas

AROUSA

MONICA IRAGO

Con Fran Matos e Rivas sancionados, e Marcos lesionado, Jorge Otero atrasará a Sidibé ao centro da zaga

26 abr 2017 . Actualizado ás 08:28 h.

As contas son as que son. E tras o empate en Vilalba a semana pasada, ao Arousa non queda outra que lograr o que só foi capaz de facer nunha ocasión desde o seu regreso á Terceira: gañar tres partidos seguidos. Os que restan de Liga . E aínda con iso, tocaralle agardar a que o Bergantiños pique en polo menos dúas das xornadas que quedan por arrincar do calendario do campionato da regularidade.

Traducido a efectos prácticos, o equipo que dirixe Jorge Otero podería quedar fóra da pelexa polo último posto con dereito a disputar a próxima fase de ascenso se non consegue sacar este domingo os 3 puntos en xogo no campo do Ordes. Un reto aparentemente en grao sumo alcanzable, por canto falamos do pechacancelas do grupo galego da Terceira División, desafiuzado desde hai semanas con tan só 9 puntos de 75 posibles na súa marcadora.

Dezanove partidos. Ou o que é o mesmo, unha volta enteira. É o intervalo de derrotas encadeadas que acumula o Ordes. Un dato que, de non ser ben xestionado, podería acabar xerando máis presión da desexada nas filas do Arousa, fronte á liberdade coa que se sentirá o seu rival.

Manexar ben o apartado psicolóxico será pois crucial este domingo no cadro arlequinado. Máxime cando Jorge Otero se verá obrigado a dispor unha liña defensiva inédita con só tres traseiros natos alineables a día de onte. Sen Marcos, lesionado, Fran Matos, expulsado o pasado domingo, nin Rivas, que en Vilalba completaba ciclo de cinco cartolinas amarelas.

Vitra preséntase como a opción para cubrir o lateral dereito, con Suso e Aitor ocupando as súas habituais demarcacións no costado esquerdo e o centro da zaga. Atrasar a Sidibé do dobre pivote a central será a solución de Otero, que deberá completar a súa convocatoria cun xuvenil.