Os comuneiros de Cea avanzan na limpeza de vertedoiros e a loita contra os incendios

La Voz

AROUSA

25 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Intensa e con contido. Así se desenvolveu a asemblea xeral que a comunidade de montes de Cea celebrou o domingo. Entre outras cuestións, os comuneiros aprobaron as liñas de limpeza do monte (por un importe de 30.000 euros), que permite erradicar maleza e previr os incendios forestais, e de silvicultura (máis de 40.000 euros) para o rareo e a estructuración das plantacións. Haberá, ademais, unha terceira liña, neste caso para reforestar con piñeiro a superficie queimada o verán pasado en Castroagudín, cuxa contía aínda debe precisar a Xunta.

No xulgado

A directiva constatou que continúa crecendo o número de veciños da parroquia que se dan de alta como comuneiros, cuxo número rolda xa os catrocentos. O mes que vén, por outra banda, o seu presidente acudirá ao xulgado para someterse a unha proba caligráfica e demostrar, así, que o anterior tesoureiro, acusado de defraudar 384.000 euros á entidade, falsificou a súa firma.