Veloso traza o seu rutómetro con final no alto da Grandíssima

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Volta a Portugal

O cambio de datas da Volta a Portugal permítelle gañar unha semana de concentración en altura, contorna no que esta tempada acumulará máis días de traballo que de competición previa á gran rolda lusa

15 mares 2017 . Actualizado ás 13:04 h.

Gustavo César Veloso arrincaba o pasado 1 de febreiro un longo camiño de seis meses cuxa única finalidade e a do seu equipo, o W52-F.C. Porto, é a de rodar a maquinaria do corredor vilagarcián ata levala ao seu punto xusto de afinación na liña de saída da Volta a Portugal. Conquistar o que sería o seu terceiro triunfo na xeral da Grandíssima volve ser o reto individual e colectivo do profesional de Bamio. Un reto para o que, mes e medio despois dos seus primeiros quilómetros de competición no 2017, Veloso ten xa o seu particular rutómetro.

Completada a súa participación na Volta a Valencia (1 a 5 de febreiro) e a Volta ao Alentejo (22 ao 26 do mesmo mes), o arousán sentouse co seu director deportivo, Nuno Ribeiro, para acordar o calendario de carreiras de Gustavo César previo á Volta a Portugal. Unha elección na que, explicaba onte o bicampión da Grandíssima, «tivemos en conta tanto a miña preparación como as carreiras que son máis importantes para ou equipo» buscando o mellor encaixe entre unha e outras. E o resultado foron 35 días de competición no calendario do vilagarcián.

Ás dez xornadas xa cubertas en febreiro, Veloso sumará unicamente unha este mes. Na Classica de Primavera calendada para este domingo, que levará ao xefe de filas do W52-F.C. Porto ata Povoa de Varzim.

A Volta á Rioxa e o Gran Premio Miguel Indurain abrirán os días 1 e 2 o calendario de abril de Veloso, que inclúe a Volta á Bairrada (22 e 23), e a Volta a Asturias, xa medio camiño entre abril (29 e 30) e maio (1).

Neste último mes tocará rodarse nas voltas a Castela-León, os días 19, 20 e 21, e a Xornal de Noticias, 24 ao 28, encadeando, xa en xuño, unha terceira semana de competición na Volta a Beiras, do 1 ao 4.

Tocará entón a primeira das dúas concentracións en altura que tan excelentes réditos viñéronlle dando a César Veloso nos últimos anos. De 23 días en Navacerrada, do 8 ao 30 de xuño, para disputar despois a Volta a Torres Vedras do 5 ao 9 de xullo na última pedra de toque previa á Volta a Portugal. E de 16 xornadas máis, do 10 ao 25 de xullo, en principio en Manzaneda. Unha concentración esta última dunha semana máis de duración respecto de tempadas anteriores, ao desprazarse na súa próxima edición a Volta a Portugal sete días adiante no calendario, con inicio o 4 de agosto e final o día 15 do mesmo mes.

Veloso só deixou un elemento sen atar. A súa presenza ou non no Campionato de España, pendente de saber se se celebrará preto de Navacerrada para compatibilizalo coa súa concentración.