O reto do celeirense Darío San Isidro, a volta ao mundo exprés en 28 días

María Cuadrado Fernández
MARÍA CADRADO VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

Esta madrugada tiña previsto iniciar unha viaxe por varios continentes e que se expón como unhas vacacións

28 abr 2017 . Actualizado ás 08:09 h.

Unha nova aventura comezou esta noite para Darío San Isidro, celeirense de 39 anos. Cando vostedes estean lendo esta noticia (e se non houbo cambios de última hora), Darío xa terá iniciado unha viaxe que o levará a dar a volta ao globo terráqueo en 28 días. Tiña previsto saír ás seis desta madrugada desde Santiago de Compostela cara a Londres. Será o seu primeiro traxecto en avión, ao que lle seguirán outros moitos nunha viaxe en tempo marca que lle permitirá pulsar diferentes culturas, practicar idiomas... e, sobre todo, gozar dunha aventura única.

Como bo celeirense, Darío lucirá camisetas cunha lenda especial coa que fará patria: Chilindrines polo mundo. As camisetas, varias mudas e pouco máis será a única equipaxe que leva este viaxeiro que se enfronta a un reto que para moitos é tamén un soño. Ao celeirense non lle impón facer este traxecto só: «Sempre viaxo só. Nunca se discute con ninguén e sempre se fai o que quere Darío».

Non perde o bo humor durante a conversación tamén exprés que nos regalou onte, pouco antes de empezar a súa xornada laboral na lonxa de Celeiro, e horas antes de iniciar a viaxe.

Aínda que viaxa só, sente o apoio da familia, dos seus amigos e dalgúns colaboradores que lle axudaron nesta viaxe. Destaca a importancia do apoio que recibiu de colaboradores como Autoescola Logo Mundial, que lle conseguiu o carné de conducir internacional, e do grupo Flanagan´s, que achegou camisetas e que lle prometeu unha cea con amigos ao seu regreso, a modo, como di Darío, «do descanso do guerreiro».

O celeirense é consciente de que poderá gozar pouco tempo de cada lugar ?unha media de 2,5 días?, pero si terá ocasión de empregar polo menos seis días en Honolulú. De Londres viaxará a Reikiavik e de aí a Nova York. Continuará por San Francisco, Honolulú, Tokio, Kuala Lumpur, Moscova e Santiago. Neste último traxecto fará escala en Barcelona antes de regresar a casa.

Como xurdiu o reto?

«Todo xurdiu un día falando cun amigo», confesa Darío, quen asegura que sempre tivo ganas de gozar de Hawai. E o reto acabou en aventura para este celeirense ao que lle gusta tirarlle proveito aos días «porque a vida é moi curta» e que xa visitou Indonesia, Italia, Cuba e outros destinos.

Darío pediu vacacións no traballo para realizar esta viaxe, para o que manexa un orzamento que oscila entre os 5.000 e os 6.000 euros. Só en hoteis, billetes de avión, visados e seguro xa investiu uns 3.800 euros, como el mesmo recoñecía onte.

Ante Darío, que presume de ser organizado e que anotará todo nun caderno, ábrese agora o mundo. A súa data de regreso a Celeiro: 25 de maio. Todo un reto. Toda unha fazaña.