Falece un veciño de Vegadeo de 31 anos ao precipitarse á ría desde a ponte dos Santos

La Voz CASTROPOL / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

Residía en Castropol, onde traballaba nunha gandería, e o seu cadáver foi rescatado polos socorristas

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un veciño de Vegadeo de 31 anos de idade, J.A.I.A., residente no concello de Castropol, onde traballaba nunha gandería, faleceu onte ao precipitarse á ría de Ribadeo desde a ponte dos Santos.

Ocorreu cando pasaban uns minutos das catro da tarde. Deixara o seu vehículo, un Seat Eivissa, aparcado na área recreativa de San Román, en Castropol, xunto á ponte dos Santos, e segundo as fontes consultadas unhas persoas que se atopaban navegando na ría viron como caía. Tamén o fixo, desde o lado de Galicia, un ribadense.

Deron a voz de alarma e desde os servizos de Urxencia mobilizouse a un helicóptero, embarcacións, aos bombeiros e tamén saíron no seu rescate embarcacións do Real Club Náutico de Ribadeo, Protección Civil e socorristas de Ribadeo e Castropol, en zódiac. Foron estes últimos quen recuperaron o cadáver, cando era arrastrado pola corrente ?subía a marea? xa á altura de Figueras. O corpo foi trasladado ao porto de Castropol, onde se procedeu ao levantamento do cadáver pola autoridade xudicial.

Axentes da Garda Civil comprobaron que o vehículo aparcado en San Román era no que se desprazou o veciño de Vegadeo falecido.