Abre en Ribadeo o primeiro parque acuático

j.a. RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

O FARERO

Trátase dun parque inchable instalado na ría de Ribadeo

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras as probas realizadas esta semana hoxe inaugúrase en Ribadeo o primeiro parque acuático da Mariña, segundo a empresa promotora, a empresa ribadense ¡Ola!, Onda, o único das súas características en Galicia, instalado nunha ría. Trátase dun parque inchable, ancorado mediante mecanismos ecolóxicos que se retirarán unha vez rematada a tempada, que se atopa situado nas inmediacións da praia urbana dos Bloques, desde onde se accede a nado.

Con capacidade para 50 persoas, está vixiado por un socorrista e un monitor, aínda que se asegura que ofrece a máxima seguridade. Está aberto para todo tipo de público. Os maiores de 6 anos que saiban nadar poden facelo só e os menores desa idade e quen non saiba nadar, acompañados dun adulto. O prezo pola hora de xogo é de 8 euros, aínda que están a valorar facer bonos por máis horas.

O horario de apertura depende das mareas. Hoxe, por exemplo, é a partir das cinco da tarde. ¡Ola! Onda contou cunha subvención do GALP duns 60.000 euros para desenvolver a nova iniciativa.

Este parque acuático completa a oferta náutica que ¡Ola! Onda desenvolve na ría ribadense, que inclúe wakeboard, wakesurf, esquí náutico, kite surf, paddle surf, paseos en banana acuática, bólas acuáticas, etcétera.