«Poida que superase os 500 goles, e fallei tantos ou máis dos que metín»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Kiko Rey volve traballar na canteira mariñá, na que «hai talento para chegar a Primeira»

05 abr 2020 . Actualizado ás 18:51 h.

O nome de Kiko Rey (Viveiro, 1967) se desliga de novo da primeira plana do fútbol mariñán. Tras un ano á fronte do Xove Lago o exfutbolista viveirense volve á canteira xovense debido á súa decisión de non obter o nivel 1 nin o 2 de adestrador. «Xa vivín todo o que tiña que vivir no fútbol», explicou un home que, como xogador, defendeu a camiseta de doce equipos: Viveiro, Real Madrid, Lugo, Racing de Ferrol, As Pontes, Salamanca, Almería, Cultural, Eibar, Logroñés, Ourense e Iberia

-Vaia traxectoria a súa...

-Si, é o que me gusta e non o tería cambiado por nada, pero o fútbol a ese nivel é moito máis sacrificado do que a xente pensa. Estás atado, non tes unha soa fin de semana libre, tes que seguir unha disciplina, as pretemporadas, as viaxes... Vivino como xogador e non estou disposto a vivilo como adestrador, porque teño un traballo e unha familia; outras cousas ás que atender.

-Lembra o seu último partido?

-Si, foi en Cantarrana e defendendo a camiseta do Viveiro, como sempre quixen. En Preferente. Non foi frustrante, sabía que era o último, pero foi un máis. Para todo hai un comezo e un final.

-Os seus inicios tamén están moi ligados a Cantarrana.

-Síntome orgulloso de ter empezado e rematado no Viveiro. Tiña 14 anos cando empecei a xogar nos xuvenís e no equipo de Terceira.

-Pouco tardou en fixarse en vostede o Real Madrid, como foi aquilo?

-Tiña só 16 anos, era un neno, e aquilo tivo moitísima repercusión. Non todos os días o Real Madrid vén buscar un xogador a Viveiro. É un orgullo. Cheguei alí cunhas expectativas inmensas, con ganas de comerme o mundo. Pero despois vén a realidade: estás no mellor club do mundo, cos mellores futbolistas do mundo e a competencia é brutal. Facerse un oco neses equipos é moi complicado.

-Póñoo nun aperto se lle pregunto cantos goles marcou na súa carreira deportiva?

-Bufff... Nunca me parei a contalos. Poida que non sexa esaxerado dicir que superei os 500 goles, pero tamén fallei moitos. Un acórdase do bo e non do malo, pero seguro que fallei tantos ou máis dos que metín.

-Hai algún que lembre con maior cariño?

-Deille a mesma importancia a cada gol porque é a máxima do fútbol. Pregúntanme moito polo que lle metín a Zubizarreta. Tivo repercusión porque foi un dos mellores porteiros do mundo, foi unha honra enfrontarme a el. Pero, como gol, un máis.

-E un partido?

-O do ascenso co Salamanca. Viñamos de perder 0-2 na ida co Albacete; ninguén se imaxinaba que gañásemos 0-5. Xogar en Primeira División é algo que marcou a miña carreira, un soño cumprido, e só dous anos antes estabamos en Segunda B. Foi a miña mellor etapa deportiva.

-Dos equipos polos que pasou a cal garda máis cariño?

-Ao Viveiro, sempre. Pero quedo máis coas persoas que compoñen os equipos que cos clubs. Gardo grandes amizades, xente da que aprendín moitísimo e coa que gocei.

-Traballa coa base mariñá, ve posibilidades de que alguén siga os seus pasos?

-Si, sin duda. Aquí hai moita calidade, hai talento para chegar a Primeira. De feito hai xa moitos xogadores fóra. Vexo moitas posibilidades a Aldán Naval, agora no cadete do Celta ; sígoo desde pequeno. Pero daquela a competencia é moi dura e hai que estar no momento e no lugar exacto.

-Que condicións debe reunir un bo dianteiro?

-Olfacto de gol e colocación. O dianteiro funciona a miúdo por intuición.

-Coas súas condicións, tería cabida no fútbol actual?

-A máxima do fútbol é conseguir o gol, así que supoño que si. O dianteiro centro non é un posto tan definido como antes, pero aínda quedan moitos noves rematadores, fortes, que fixan á defensa.

-Que é xogar ben ao fútbol?

-Xogar doado, non complicarse, saber que tes que facer en cada situación.

-Xogar mal e gañar ou xogar ben e perder?

-Xogar ben e perder. Habería que erradicar a competitividade do fútbol base.

«Un equipo? O Viveiro, pero son máis das persoas que os forman

que dos clubs»