O concesionario de Illa Pancha reclama no xulgado que lle deixen volver abrir o faro-hotel

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Demandou ao Concello e a un membro de «Polo noso faro»

13 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O concesionario dos apartamentos turísticos do faro de Illa Pancha, en Ribadeo, a firma Eirobra, presentou dúas demandas contra o Concello no xulgado do contencioso-administrativo de Lugo polo precinto cautelar das instalacións, efectuado xa o pasado mes de maio, cando levaban un mes abertas. É unha medida que xa anunciara no seu día, cando o Concello lle suspendeu provisionalmente a licenza de apertura en tanto non realizaba unha serie de melloras en accesibilidade, saneamento e abastecemento de auga. Finalmente, o concesionario accedeu á esixencias do Concello e presentado toda a documentación, estando á espera de que se lle autorice acometer as reformas para executalas canto antes e poder abrir polo menos algúns días de agosto. Pero este trámite tamén se está demorando, polas vacacións de técnicos municipais e o adiamento das xuntas de goberno estipuladas, nas que se outorgan as licenzas.

De forma paralela a este proceso, o concesionario presentou dúas demandas no xulgado do contencioso de Lugo. O seu obxectivo é o mesmo: poder renovar a actividade canto antes e non perder toda tempada estival.

Un é un procedemento sumario pola suposta vulneración de dereitos fundamentais dos administrados. O outro é unha demanda ordinario reclamando contra os actos do Concello de Ribadeo.

Ademais, Eirobra presentou unha denuncia contra un veciño de Ribadeo, portavoz do colectivo «Polo noso faro», por supostas inxurias e calumnias, ao entender que foron acusados de prevaricación. Piden unha indemnización económica de 6.000 euros e unha rectificación pública.