O tango embargou de emoción Ribadeo

José Francisco Alonso Quelle
j. alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Comezou a festa indiana, co embaixador de Arxentina e unha homenaxe aos emigrantes

08 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un piano, só, espido, e as primeiras notas da miña Buenos Aires querido. Non fixo falta máis. O seu poder de evocación fixo o resto, nós na garganta e bágoas empapando a mirada.

Comezaba así a merecida homenaxe de Ribadeo aos ribadenses residentes en Arxentina. Eles sufragaron unha placa da rúa Buenos Aires arrincada fai case vinte anos e tirada ao lixo coa remodelación da rúa. Un ribadense recuperouna e gardou, e onte luciu de novo.

E fíxoo cun invitado de excepción, o embaixador de Arxentina en España, Federico Ramón Porta. Con el, o alcalde ribadense, Fernando Suárez; o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, e un bo número de veciños. E como peche, un novo tango: Alfonsina e o mar

Foi o preludio da festa que xa se palpaba na rúa, con centenares de espontáneos actores, vestidos de época, de indianos ricos, os que regresaron tras facer fortuna. No ambiente tamén flotaba o recordo de tantos que non tiveron a mesma sorte. Porque Ribadeo Indiano excede o interese turístico ?incuestionable, coas rúas a rebordar de visitantes?, é unha festa que, como poucas, fai xustiza cunha parte moi presente da historia de Galicia. Ribadeo é unha festa. Ribadeo é indiano.