Os indianos xa están en Ribadeo para gozar da festa

José Francisco Alonso Quelle
j. alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

JOSE ALOSNO

«Somos un mesmo país, unha mesma familia (...) os trazos xenéticos non rompen», manifestou o embaixador arxentino

08 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Á vista dos elegantes traxes que visten, estes días en Ribadeo abundan os indianos ricos. Forma parte da diversión e a pompa propia do evento. Pero a festa quere lembrar tamén aos que se foron e non regresaron. E onte, a representación teatral do primeiro día de festa, coa baixada ao peirao para despedir aos indianos e recibir aos que chegan, tivo moito diso. Correu a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo, con acompañamento de varios grupos musicais.

Xa antes, o embaixador de Arxentina, Federico Ramón Porta, incidira niso e no labor e a pegada de tantos galegos en Arxentina: «Non hai dous países máis parecidos que Arxentina e Galicia», sinalou, e engadiu: «A miña presenza aquí é para redobrar un compromiso e agradecer unha realidade». «Somos un mesmo país, unha mesma familia», apuntou o embaixador, e abundou: «É importante rescatar estes valores, porque os lazos xenéticos non rompen». Máis tarde, no descubrimento da placa na rúa Buenos Aires, engadiría: «Galicia e Ribadeo é berce da cultura á que Arxentina lle debe tanto».

E os indianos, onte centenares, hoxe e mañá probablemente miles, regresaron a Ribadeo para gozar dunha fin de semana de festa, que se vive, sobre todo, nas rúas e bares. Esa é outra das singularidades de Ribadeo Indiano, onde toda a vila se envorca, onde case todos se volven actores e protagonistas para dar vida á festa.