Uns 200 mariñáns recibirán as primeiras indemnizacións pola pataca

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

A Xunta comeza a ingresalas hoxe

03 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente comezará hoxe a pagar as indemnizacións ás persoas que levantaron os seus hortos de pataca na Mariña e entregaron o tubérculo, tamén o que tiñan almacenado, ao persoal técnico da Xunta que foi casa por casa por todos os concellos mariñáns recolléndoa. Foi a medida de maior calibre, coa prohibición de cultivar pataca nos 31 concellos infestados de Galicia durante polo menos dous anos, para combater a paga da couza guatemalteca, a Tecia solanivora povolny, que ataca ás patacas. Pagaranse as indemnizacións a quen comunicaron que tiñan plantacións e entregaron a produción.

En total, segundo avanzou a semana pasada a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, está previsto que desde hoxe se abonen indemnizacións a 374 agricultores, cuxos expedientes xa foron revisados comprobando que cumprían os requisitos para percibilas. Deles, 251 corresponden á provincia de Lugo, é dicir, aos concellos da Mariña máis Abadín, Riotorto e A Pastoriza, que son os 18 municipios lucenses nos que se detectou a praga da couza guatemalteca. O resto están na provincia da Coruña, na zona de Ferrolterra.

Evolución favorable

Tamén a pasada semana reuniuse a comisión técnica de seguimento da praga da couza guatemalteca, na que están representados, ademais da Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Laboratorio Fitopatológico de Galicia e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Ao seu termo, a Xunta de Galicia anunciaba: «Avaliouse o efectivo cumprimento da normativa establecida para a couza e os datos que indican a súa evolución favorable. Por parte da Consellería de Medio Rural confirmouse que continuará a vixilancia das zonas infestada e tampón, así como as principais áreas produtoras de pataca en Galicia. De feito, hai instaladas máis de mil trampas por todo o territorio galego para facer un seguimento permanente da situación».

Pagarán 0,70 euros pola pataca de semente e 0,30 pola de consumo

As compensacións que percibirán os agricultores, salvo contadas excepcións e os almacéns, serán xeralmente cantidades modestas. Inicialmente, a Xunta ten consignada unha partida de 250.000 euros para facer fronte ás indemnizacións nos 31 concellos. E iso cando en Galicia foron declaradas máis de 8.000 parcelas de 6.520 propietarios, ademais de 15 almacéns. É a previsión, pero Medio Rural matiza que a cantidade se podería aumentar se fose preciso.

As indemnizacións xa estaban estipuladas desde semanas atrás. As patacas de semente pagaranse a 0,70 euros o quilo, a de consumo (pataca vella) a 0,30 euros e a arrancada nas zonas con praga declarada a 0,40 euros o metro cadrado de superficie. O inicio do pagamento das indemnizacións chega tras dous meses de traballo recollendo pataca, tempo no que Medio Rural retirou para a súa destrución 303 toneladas de patacas de agricultores, das cales 203 correspóndense cos 15 concellos da Mariña, máis Abadín, A Pastoriza e Riotorto.