A folga do transporte trastornou a actividade dos centros educativos

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso VIVEIRO / RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

En Ribadeo chamaron aos pais de 250 alumnos para que fosen recollelos

22 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Coas estacións de autobuses semivacías, sen apenas actividade (unha excepción supúxoa a de Ribadeo, onde opera Alsa, que con sede en Asturias non estaba afectada pola folga), a segunda xornada de paro no servizo de transporte de viaxeiros por estrada en bus afectou onte de modo especial aos centros escolares da Mariña. O martes, moitos colexios e institutos libráronse dos seus efectos. Foron aqueles que non dependen da empresa Arriva, cuxos condutores si secundaron o paro xa o martes. Pero onte a folga xeneralizouse. Sobre as sete da mañá piquetes sindicais percorreron diferentes concellos, visitando as sedes das empresas de autobuses para informar os motivos da folga. Nalgúns casos, limitáronse a chamar por teléfono. E todos se sumaron.

Na maioría dos concellos os buses xa non foron a recoller aos nenos ás paradas á primeira hora da mañá. Unha excepción foi Ribadeo. Os piquetes informaron cando xa se realizou o servizo. Ao sumarse á folga, desde o CEIP Gregorio Sanz deberon chamar aos pais de 109 rapaces para que fosen recollelos, e desde o IES de Ribadeo a 150, coas lóxicas complicacións e esperas.

Desde as direccións de varios centros tamén lamentaron que excursións, saídas e viaxes programadas onte no marco da última semana do curso deberon ser suspendidas.

Heriberto López, de CC OO: «Coaccións? Ningunha. É unha folga exemplar»

Desde os sindicatos convocantes destacaron o éxito da folga. En clave comarcal, Heriberto López Caneiro, responsable da Federación de Servizos á Cidadanía dá Mariña de Comisións Obreiras, cualificou a mobilización de exemplar. E destacou a mensaxe que se manda á Xunta para que se avenga a negociar unha saída ao conflito e ao seu plan de servizos e rutas.

«A valoración é moi positiva. Os traballadores están moi concienciados, e de feito estase pedindo que a folga, en lugar de ser martes e mércores, pase a ser indefinida», manifestou.

Sobre o feito de que non se respectaron os servizos mínimos, entre os que figuraba o transporte escolar, polo que a Xunta anunciou que estudará sancionar ás empresas, Heriberto López Caneiro, sinalou: «Os servizos mínimos non estaban pactados nin cos sindicatos nin coa patronal. Eran abusivos e por iso non se respectaron. Obrigar ó 100 % do transporte escolar é excesivo. As Apas tamén se teñen que dar conta de que con esta folga imos contra a intención da Xunta de que o transporte escolar se comparta coas liñas regulares, que os pícaros vaian cos adultos. O que pasa é que a información que demos non se deixou chegar aos pais. O usuario tamén se queixa de que non houbo información, pero non é certo. Nós fomos poñer carteis e nolos quitaban».

Finalmente, do labor informativo dos piquetes, concluíu: «Se houbo coaccións? Ningunha. Non houbo nin un incidente. Foi chegar, falar e a resposta foi total. Os empregados saben que están xogando co seu futuro».