Ou ano pasado xa nacera na súa horta unha cabeza de allos de 1,1 quilos
21 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.Se dicimos Dolores López Prieto, algúns non se darán conta de quen é esta viveirense. Pero se falamos de Lolita a dá praza seguro que a outros lles soa máis. É unha muller que vive o campo con verdadeira paixón. Viviu do que cultivaba durante moitos anos e agora segue coidando con exquisito mimo a súa horta. Froito de tanto amor pola terra, non é de estrañar que saian verduras de tamaño XXL coma allos o ano pasado e recentemente un puerro que deixa a boca aberta, ademais de para comelo, obviamente.
-Canto pesou este en concreto?
-Para ser unha verdura que soe ser de 200 gramos, este pesou un quilo e 750 gramos.
-Revisou a báscula, Lolita?
-(Ri) Está perfecta!
-Un señor puerro, entón!
-Tamén unha cabeza de allo pesou o ano pasado 1.100 gramos.
-Tardaría en comelo varios días...
-Madre mía! Cada dente igual pesaba 200 gramos!
-Que máis ten nesa horta que parece un verxel agrícola?
-Antes traballamos para vender. Xubilámonos hai tres anos. Para nós, seguimos plantando. É moi bonito comer cousas naturais sen nada de sulfato pero con moito cariño. Agora botamos moito esterco, auga... e cariño, como digo. Rego todos os días na horta.
-E fálalles aos cultivos?
-(Sorrí) Moitas veces! ‘Moito medrades’, dígolles. Antes... quen tiña tempo de regar nada! Era todo coller para vender en Vivero. Agora, como podemos atender máis á horta, botamos máis abono para aquel cachiño e medran que non vexas.
-Tamén hai que ter boa man.
-Temos moi boa man tamén. Tiñamos a planta da costela de Adán que me estorbaba dentro da casa e paseina para o xardín e... está preciosa! Ao meu home gústanlle tamén moito estas cousas. Somos os dous soíños. A modo de invernadoiro, puxemos un plastiquiño e a horta está divina. E coas xeadas que caeron aguantou todo. Tamén agora vives a vida que che interesa, porque que antes non tiñas tempo, tiñamos que atender a traballar e a vender. Eu tiven o meu posto en Viveiro durante 38 anos.
-Volveu á praza tras xubilarse?
-Non volvín á Praza nin para comprar porque o rapaz lévame a froita á casa. Menos plátanos e outras cousas temos de todo, nísperos, caquis, frambuesas, laranxas, limóns, mandarinas... froita de todas as temporadas. Encántanos! Somos felices! É certo que non volvín a pisar a praza, unicamente se vou á Casa do Concello ou a tomar os viños ao bar de arriba. Dixen cando me xubilara que os novos tiñan que saír para arriba. Se non se dedican á horta, problema deles. Agora a nós tócanos disfrutar da nosa vida e da nosa netiña cando podemos. Sempre o dixen... Deus me dea saúde e sorte para volver á praciña onde estiven encantada e ía a ela como se fora a unha festa. É importantísimo estar a gusto co que fas ti.
-Tema patacas. Como o leva?
-Puxemos unhas poucas en decembro, cando aínda non había todo isto. Agora que hai unha lei, traballalas, poñelas e arrincalas non paga a pena. Deume pena.
-É que plantar patacas era como algo sagrado, estaba no ADN.
-Efectivamente. Cada vez que penso en ter que comprar a pataca de fóra... Eu ás miñas non lles botaba sulfato. É importantísimo.
-Defende moito o ecolóxico.
-Defendo o ecolóxico ao mil por mil. Os meus clientes eran como a miña familia e cultivaba sen sulfato coma para a miña casa. Eu téñolle pánico a iso. Cando empezamos a ter invernadoiros foramos de excursión con Extensión Agraria a Cambre e toda esa zona; vimos que estaban collendo fresas e sulfatándoas na caixa para que aguantaran. Pregúntome, que comemos? As miñas fresas son pequeniñas si, pero iso non importa.
-Que o alimento sexa a túa menciña. Xa o dicía Hipócrates.
-As cousas son así. Con cariño e cando che gustan as cousas, todo se dá moito mellor. É igual que as hortensias... con auga reviven. Nós temos unha cañería con auga que vén do monte e non nos soe secar nunca e un pozo boísimo diante da porta e mira os anos que ten e nunca na vida nos secou. Co motor enganchado regamos a barrer. A auga da traída non a usamos por se nos fai falla algunha vez, pero non é boa coma a outra porque leva cloro. Unha vez tiñamos unhas nabizas riquísimas e tiernísimas que iamos levar á praza. Díxenlle ao meu home ‘que boas son, imos sacar unha pila de cartiños con elas’. Pepe respondeume ‘si’. Para o outro día levantámonos, fun ver as nabizas e todas queimadas! Un terreo bárbaro, era verán, non había xeadas... e el todo caladiño. Sabes que nos pasou? ‘Por non poñer a auga do monte botei a auga da traída’, contestoume el. Non digo que sexa mala pero leva cloro.
-Cando ten unha produción así tan abundante, que fai con ela? Como aproveita o excedente?
-O puerro metino no conxelador porque tanto non dabamos comido. Meto moita verdura no conxelador e así non teño que mercar a de fóra. Verdura de folla tamén, que me vale para facer sopiña de verduras. Agora meto tirabeques e guisantes, porque senón pérdense. Están riquísimos igual. Escaldo e fago cando ninguén os ten. Sabes o que é facer o caldo de grelos o día de Naseiro? Todos tolean polo caldo que fago eu para o Naseiro!