A folga do transporte esténdese polos colexios da Mariña

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

En Ribadeo deben avisar aos pais de máis de 250 alumnos para que veñan recollelos

21 jun 2017 . Actualizado ás 14:47 h.

A folga do sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada convocada polos sindicatos UGT, Comisións Obreiras e CIG ten hoxe mércores unha alta incidencia na Mariña. A actividade nas estacións é mínima e xeneralizouse no transporte escolar, alterando a actividade dos centros que, nesta semana de fin de curso, tiñan previstas excursións e actividades extraescolares. Os maiores problemas están a darse en Ribadeo, xa que si houbo transporte escolar pola mañá no colexio Gregorio Sanz e no IES, pero pola tarde suspendeuse, de modo que desde os centros están a tratar de contactar cos pais e nais de alumnos para que veñan recollelos. Hai uns 260 estudantes afectados por esta circusntancia.

Onte algunhas estacións estiveron semivacías durante todo o día e non se respectaron servizos mínimos, circunstancia que colleu desprevidos a non poucos pais de alumnos que acudiron cos seus fillos ás paradas. Os paros, en teoría, non debían afectar o transporte escolar, porque era un dos servizos mínimos establecidos pola Xunta, pero non se cumpriu en varios concellos mariñáns, singularmente naqueles onde Arriva se fai cargo das viaxes. Foi o caso, por exemplo, de Viveiro, onde opera outra empresa que tamén secundou o paro. Pola contra, en concellos como Ribadeo ou Foz apenas se notou no referente ao transporte escolar, xa que está maioritariamente en mans de compañas que si cumpriron con este servizo mínimo, indicando esta circunstancia en carteis que mostraban onte nos parabrisas.

Así, no colexio Gregorio Sanz de Ribadeo o transporte discorreu onte con normalidade, mentres que no IES de Ribadeo, das sete liñas, só faltou unha, que discorre por Barreiros e que cobre un bus de Arriva, con 30 alumnos.

Chamadas aos pais

A situación onte variou moito segundo os concellos. En Foz, nos colexios do Pilar e Martínez Otero, como no de Nois, houbo transporte; mentres no Ceip Santa María do Valadouro faltaron os tres autobuses, que levan a 38 alumnos. Tampouco houbo bus no IES de Alfoz.

E no IES San Rosendo aínda que pola mañá unicamente faltou o autobús que fai o percorrido desde Abadín, pola tarde só se respectou unha liña. Desde a dirección do centro deberon pórse en contacto cos pais e nais afectados para que viñesen recoller aos seus fillos.

No Ceip Pedro Caselles Rollán de Xove tampouco houbo transporte, co que uns 70 alumnos víronse afectados. Pola contra, no Ceip da Pontenova, onde non opera Arriva, si houbo bus e a xornada discorreu con normalidade. Igual ocorreu no Ceip de Cervo.

Estacións baleiras; a de Viveiro con cadeados, e non se respectaron os servizos mínimos

Coa excepción do transporte escolar que estaba establecido como servizo mínimo e respectouse en parte dos concellos da Mariña, a folga tivo onte un efecto notable, con algunhas estacións sen actividade durante todo o día.

Un dos puntos quentes ao empezar a xornada do martes foi a de Viveiro. Amenceu con cadeados nas portas, ante o que se deu aviso á policía nacional, que acudiu a cortar as cadeas. Alí presentáronse membros de Comisións Obreiras que explicaron aos condutores dos autobuses os motivos da folga e animáronlles a que a secundasen. Así o fixeron todos, segundo explicaron desde Comisións. «Entenderon que se hai folga é por eles, por defender vos seus dereitos, e non fixo falta insistir moito, todos foron á folga. Mañá -por hoxe, mércores- ás sete dá mañá volveremos por alí», manifestaron desde Comisións Obreiras. Segundo explicaron desde o sindicato, de Viveiro non saíu ningún autobús. Igual agardan que ocorra hoxe, cando segue a folga. E advirten de que se está barallando a posibilidade de que sexa indifinida.

Os servizos mínimos establecidos pola Xunta para hoxe son, ademais do transporte escolar, da liña Viveiro-As Pontes-A Coruña por autoestrada en Cabanas, un bus con saída ás 6.50 horas desde Viveiro; na liña Ribadeo-Lugo por Meira, outro bus con saída de Ribadeo ás 7.00 horas; a liña Lugo-Viveiro por Gaibor, Vilalba e Foz, con saída de Viveiro ás 7.30 horas, e da liña Ferrol-Ortigueira-Viveiro, un bus con saída ás 7.00 horas de Viveiro.