A apertura da gasolineira dos Irmandiños en Ribadeo desata unha guerra de prezos

José Francisco Alonso Quelle
JOSÉ ALONSO RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

As diferenzas  enchendo o depósito segundo a estación de servizo na que se faga a reposición chegan ata os seis euros

25 may 2017 . Actualizado ás 14:02 h.

A apertura de novas gasolineiras está desatando unha guerra de prezos axustando as marxes de ganancia para ofrecer o combustible máis económico. O mellor exemplo supono Ribadeo e a súa zona de influencia, onde hai unha gran competencia ao haber case unha decena de gasolineiras, contando os municipios veciños de Castropol e Barreiros. Hai uns días abriu a da cooperativa Os Irmandiños, na Rochela (A Devesa), pondo o prezo máis barato na Mariña. Onte cobrábase o litro de gasoil a 1.049 euros e o de gasolina de 95 a 1,176. Pero desde hoxe a gasolineira de Solras, en Figueras (Castropol), a dous quilómetros do centro urbano de Ribadeo cruzando a Ponte dos Santos, convértese na máis económica. Os prezos son de 1,099 para o litro de gasoil e de 1,229 para a gasolina de 95. Pero Solras ofrece ata fin de mes descontos de 6 céntimos por litro, para celebrar o seu segundo aniversario, de modo que o gasoil queda en 1,039 e a gasolina en 1,169.

Outro exemplo do efecto da competencia supono no centro urbano de Ribadeo as gasolineiras de Valcarce e de Eroski, situadas a uns metros de distancia. Nesta última, onte o litro de gasoil custou 1,069 euros. En Valcarce 1,129, prezo que queda en 1,069 para os socios (cun cartón gratuíto coa que rebaixas seis céntimos no litro).

Cuestión á parte do prezo é o servizo. As gasolineiras de Valcarce, Solras e O Xardín, de Repsol, no centro urbano, teñen persoal, o que supón un importante custo engadido, pero tamén un mellor servizo, mentres que as de Eroski e Os Irmandiños son de autoservicio.

Os ribadenses benefícianse directamente desta competencia. As gasolineiras de Eroski, Valcarce e Os Irmandiños situáronse onte entre as oito máis económicas da provincia. Á cabeza da provincia figurou a de Eroski en Lugo capital, cun sorprendente prezo: 0.989 euros o litro de gasoil.

Que a competencia xoga un papel determinante nos prezos podíase verificar onte no que custaba o combustible noutras dúas gasolineiras da Mariña que habitualmente se sitúan entre as máis económicas, como son a de Camba en Xove e a de Combús no polígono industrial de Landrove, en Viveiro. En ambas onte o litro de gasoil valeu o mesmo: 1,079 euros, segundo o geoportal do Ministerio de Enerxía.

Nesta web evidencíanse as notables diferenzas que hai nos prezos entre as estacións de servizo da comarca, aínda coa mesma bandeira. E é que onte, encher na Mariña chegaba a supor diferenzas de ata 12 céntimos por litro (1,169 o gasoil máis caro), o que nun depósito de 50 litros significa un aforro de 6 euros.