Abre Expomar e todo o sector pesqueiro mira a Burela

Salvador Serantes BURELA/ LA VOZ

A MariÑA

Xaime Ramallal

A conselleira Quintana reclama máis cotas para Galicia e o aproveitamento íntegro das españolas

26 may 2017 . Actualizado ás 10:54 h.

Desde as doce do mediodía deste xoves ata as dúas da tarde do domingo 28, o mundo da pesca mira a Burela , onde se celebra a decimoséptima edición da feira náutico pesqueira Expomar. Un centenar de expositores con produtos de máis de 300 marcas comerciais confirman a consolidación dun certame «referente» en Galicia, España e Europa. Rosa Quintana, conselleira do Mar, acaba de inauguralo oficialmente, cun discurso no que reclamou máis cotas para a flota galega, así como o seu aproveitamento íntegro, ademais de expor o «postbrexit como ocasión ideal para revisar o principio de estabilidade relativa como criterio de reparto» das posibilidades de pesca na Unión Europea.

Autoridades civís e militares, dirixentes de organizacións pesqueiras e das empresas presentes en Expomar escoitaron a alocución da conselleira Quintana, quen destaca que a feira «é un punto de encontro tan relevante como necesario para os profesionais do sector mariño». Subliñando o papel de Catalina Sánchez, xerente da Fundación Expomar, «que leva media vida facendo» realidade o certame profesional da pesca e náutica, a titular de Mar aposto porque «siga sendo referente nos eventos relacionados co mar de España e de Europa».

 Alfredo Llano, presidente da fundación que organiza Expomar, precedeu a Rosa Quintana cun discurso no que chamou ao sector pesqueiro, ás administracións públicas e ao conxunto da sociedade a traballar xuntos «para manter a ilusión pola pesca», así como a . «motivar á xente nova para que entre no oficio, para propiciar o relevo xeneracional que permita que Burela, Celeiro e toda Galicia sigan pescando por todo o mundo»Para Llano , a feira é «un escaparate extraordinario», un centro de negocios no que se presentan as últimas innovacións tecnolóxicas, nos 118 postos que se cubriron este ano e foron insuficientes para atender toda a demanda dos expositores.

A inauguración oficial abriuna Patricia Otero, secretaria da Fundación Expomar e concelleira de Mar en Burela. Desagregou o programa de actividades da feira, e puxo especial enfásis na «plataforma de comunicación e información» dos debates das Xornadas Técnicas (celébranse este xoves pola tarde e mañá, tamén pola tarde), así como do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, cume da pesca que reunirá mañá en Burela a vinte e cinco asociacións do sector. Otero afirmou que Expomar é «unha cita obrigada para profesionais e para empresas, como as extranxeiras que presentan aquí as súas novidades» en todo o necesario para a pesca profesional e, tamén, para a náutica recreativa.