Ribadeo está de sorte coa lotería

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

j.a.

As xornadas de tapeo destes días xa teñen tema de conversación: dous premios en dous días seguidos

20 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Polo que parece non sábese quen é, pero en cuestión dun mes ou pouco máis xa se vai saber, porque ou ritmo de vida seguro que lle vai cambiar». O comentario dun cliente onte pola mañá no Cantón Bares de Ribadeo referíase ao novo millonario, o agraciado con 1,8 millóns no sorteo da bonoloto do mércores, cuxa identidade se ignora. En Ribadeo non se fala doutra cousa. Non hai, iso si, a expectación de 1992, de cando unha muller do pobo resultou premiada con mil millóns das antigas pesetas. Entón o interese era máximo. Agora hai outro ambiente, máis pausado, máis propicio para as bromas e comentarios dos que, iso si, case ninguén se libra.

Aínda por riba a existencia dun millonario anónimo, o xoves volveu tocar a sorte en Ribadeo. Fíxoo cun décimo do segundo premio da lotería nacional, agraciado con 6.000 euros. Un belisco que fixo que moitos estivesen onte á noite pendentes dos sorteos, por aquilo de que non hai dous sen tres.

No Cantón Bares foi un día máis. Apenas dous carteis colocados nas cristaleiras da fachada polos responsables de Loterías reflectían o novo premio.

Notouse esta insólita repetición de premios nas vendas? Leticia Fernández Quelle, a responsable da administración de lotería de Ribadeo apuntaba que non. E iso que non se lembra refacho igual. «Eu unha vez dei dous premios en 14 días, un segundo premio da lotería e despois unha bonoloto de 33.000. Pero así, dous días seguidos... pois non o lembro. Iso quere dicir que estamos de sorte. A ver se segue».

Do millonario anónimo, Leticia Fernández apuntou que segue sen ter noticia: «Talvez aínda non mirou o boleto, aínda que é difícil con todo o balbordo que se montou. O caso é que o sorteo da bonoloto segue ata o sábado e moitos non revisan os cupóns ata o luns, en máquina. Ademais, aínda que o saiba e téñao, ata que pasen os sorteos non pode facer nada».

Postos a especular, un dos comentarios que circulou onte por Ribadeo foi que a agraciada cos 1,8 millóns era unha muller, pero non residente en Ribadeo, senón da zona cara a Barreiros, onde traballaría o seu pai.