Unha proba contrarreloxo abre o sexto Raid de Mondoñedo

I.M.B. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MariÑA

A terceira cita da Copa 4 Estacións de enduro reúne hoxe e mañá a 150 pilotos de toda España

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Copa 4 Estacións de enduro fai escala en terras mariñás despois de dúas paradas en Arcos de Jalón (Soria) e Bembibre (León). A terceira proba do calendario dispútase esta fin de semana en Mondoñedo, baixo a organización do Motoclub local e a Federación Galega de Motociclismo, cunha participación de 150 pilotos na que destacan nomes como o do catalán Dani Gibert e onde non falta a representación mariñá, segundo comentaron desde a entidade anfitrioa.

A competición arrinca hoxe. Tras a voltas de recoñecemento do circuíto con base no parque empresarial, que discorre por zonas de montaña e camiños forestais e os aspirantes das categorías elite, veteranos e mulleres dirimirán unha proba contrarreloxo, denominada Special Test Husqvarna, cuxos resultados determinarán a orde de saída na xornada de mañá. Pola tarde, a partir das 17 horas, celebrarase unha exhibición no parque empresarial.

O mellor da cita queda para mañá. A partir das nove da mañá empezarán a saír os pilotos. Os aspirantes da categoría elite deberán completar tres voltas ao circuíto e os veteranos e as mulleres, só dúas.