Móstoles, destino agradable

I.M.B. BURELA / LA VOZ

A MariÑA

O Peixes Rubén-Burela non perde na pista mostoleña desde setembro do 2010. As locais loitan por estar na Copa de España

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A última vez que o equipo feminino do Peixes Rubén-Burela perdeu no pavillón de Villafontana de Móstoles foi o 18 de setembro do 2010, na xornada inaugural da súa segunda tempada na máxima categoría. O conxunto mostoleño era entón un transatlántico tripulado por moitas das mellores xogadoras de España -Patri Jornet, Ju Delgado, Sonso, Bea Manguán, Bea Martín ou Patri Chamorro, entre outras- e non tivo demasiados problemas para vencer por 6-2 a un rival mariñán ao que un ano antes había vapuleado (9-0).

Desde aquela picada na campaña 2010-2011 o Peixes Rubén-Burela non volveu a saír derrotado da fortaleza mostoleña, á que regresa esta tarde (18.30 horas) co gallo da xornada 26 en Primeira División. As burelistas cultivaron catro vitorias e un empate nos seus cinco últimas visitas. Gañaron na 2011-12 (2-11), a 2013-14 (1-7), a 2014-15 (1-2) e a 2015-16 (2-3), e igualaron (1-1) na 2012-13.

Hoxe o Burela atoparase a un Móstoles que é oitavo na clasificación e pelexa por estar na próxima Copa de España, razón de peso para que Lucas, o preparador burelista intúa un partido «complicado».

Por outra banda, o equipo xuvenil do Peixes Rubén disputará mañá no Vista Alegre (12 horas) un partido no que está en xogo o título de División de Honra. É a última xornada e válelle un empate diante do Vigo 2015, segundo na táboa a un punto dos burelistas.