Un gol aparta ao Peixes Rubén da mellor liga do mundo

Ignacio Meitín Buján
i. meitín buján BURELA / LA VOZ

A MariÑA

pepa losada

A vitoria ante o Levante haberíalle servido para non descender, pero só empatou

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Bágoas no Vista Alegre. O Peixes Rubén-Burela precipítase ao pozo de Segunda División tras cinco tempadas dando guerra e escribindo capítulos épicos na mellor liga do mundo. A un só gol quedou o equipo da Mariña de certificar a súa permanencia en Primeira División e festexalo ao grande coa súa afección, que volveu dar a talla convertendo o Vista Alegre nunha incandescente caldeira que, desgraciadamente para os intereses locais, non minguou os ánimos e o descaro dun Levante que, a pesar de acudir ao duelo coa permanencia resolta, entregouse tanto ou máis que os laranxas. Un triunfo ante o equipo levantino serviulle ao Peixes Rubén para seguir na máxima categoría, posto que o Santiago saíu cun punto (2-2) da cancha do Cartaxena. A vitoria do cadro santiagués tamén evitaría a caída dos burelistas.

Acirrados por unhas 1.500 gargantas, os pupilos de Tomás de Dios enseguida levaron o xúbilo ás bancadas da bombonera laranxa. Aos 22 segundos xa marcou José Carlos tras un saque de banda que puxo en xogo Isi, quen resultou lesionado nas postrimerías do primeiro período e xa non volvería aparecer pola cancha. Pouco despois fixo o segundo Iago Rodríguez, como consecuencia dun contragolpe que conduciu Hélder, e o Vista Alegre atronó con máis forza que nunca porque nese momento chegaban boas noticias desde Cartaxena e As Palmas e a permanencia parecía ben encarrilada. Pero a éxtase laranxa foi efémero. Nun pispás empatou o cadro levantino aproveitando os nervios e, sobre todo, a flojera defensiva dos anfitrións. Con 2-2, Iago Rodríguez, o máis incisivo, estrelou o balón na cruceta no lanzamento dunha falta nas inmediacións da área, e a reglón seguido o Levante propinoulle outra boa labazada aos laranxas por medio dun penalti que converteu Emilio Buendía. Tras un remate ao pau de Álex Oviaño, José Carlos devolveu a esperanza ao público mariñán cun gol que fabricou Iago Rodríguez coa súa perseveranza no slalom, pero outra vez non se fixo agardar a resposta do Levante. Buendía volveu equilibrar o marcador cando só restaban 1 minuto e 48 segundos para o descanso.

O Burela mellorou notablemente no segundo período. Sobre todo á hora de achicar espazos e evitar as transicións levantinas que tanto dano lle fixeron no acto inicial. Iago Rodríguez, Matamoros, este en dúas ocasións, gozaron das ocasións máis claras para lograr un empate que asinaría Antoñito cun zapatazo á escuadra. As ilusións locais víronse reforzadas despois coa expulsión de Lucho, que non puideron aproveitar os laranxas. E nin tampouco con porteiro-xogadores conseguiron o gol que lles tería deixado na mellor liga do mundo.

P. Rubén: Edu, Isi, Iago Míguez, Renato, José Carlos -quinteto inicial-, Cuco, Iago Rodríguez, Antoñito, Hélder, Matamoros e Álex

Levante: Yeray, Lucho, Borja Milán, Sena, Tripodi -quinteto inicial-, Cecilio, Márquez, Kiko, Emilio Buendía, Álex Oviaño e Ignacio

Goles: 1-0, min 1: José Carlos. 2-0, min 6: Iago Rodríguez. 2-1, min 7: Tripodi. 2-2, min 11: Emilio Buendía. 2-3, min 13: Emilio Buendía, de penalti. 3-3, min 18: José Carlos. 3-4, min 19: Emilio Buendía. 4-4, min 33: Antoñito. 

Árbitros: Felipe Madorrrán e Urdanoz Apezteguia. Expulsaron a Lucho (min 34). Amarelas para Renato, Isi, Antoñito, Kiko e Yeray

Incidencias: Ao redor de 1.500 persoas abarrotaron o Vista Alegre.

Nos prolegómenos do partido recibiu unha calorosa homenaxe o canteirán burelista Jorge Quelle, campión de España infantil.