Os prezos complican os acordos de Ence e as asociacións de produtores

A.F.C., J.A. RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

A subida dun euro por tonelada, pola alza da celulosa, non contenta ao sector

27 abr 2017 . Actualizado ás 08:04 h.

Os prezos da madeira de eucalipto complican as negociacións de Ence, principal comprador, e as asociacións de produtores, cando xa venceron ou están a piques de facelo boa parte dos contratos. A subida dun euro por tonelada, en vigor desde o pasado 1 de abril, tras aplicar a prima contemplada nos contratos -indexados ao PIX, o índice internacional dos prezos da pasta de papel, que se incrementaron máis de 94 dólares por tonelada desde comezos de ano- non contenta a case ninguén. «Co que leva subido a pasta no mercado mundial e os produtores non estamos vendo o reflexo no prezo da madeira, nin por parte de Ence nin doutras empresas», critica Julio Aneiros. O presidente do colectivo cedeirense (Promace), con 500 socios, compara «o ben que lle vai a Ence na bolsa, con ganancias dun 23 ou 24 %», coa situación dos propietarios forestais, «sumidos na miseria».

As negociacións entre Promace e o primeiro produtor de celulosa de eucalipto de Europa rompéronse «porque ningunha das dúas partes se atopa a gusto coa relación comercial», resume Aneiros. Ata o momento, Ence renovou catro contratos, cos colectivos Terra Rendible (Narón) e Fomento Forestal (con sede en Monfero, aínda que agrupa a propietarios de varias comarcas, ata Viveiro), a Asociación de Silvicultores Costa Norte (para a venda de madeira procedente de Ortigueira, Mañón e O Vicedo) e PromaMañón. «Para nós, unha asociación pequena con fincas de escasa superficie, hai pouco alternativa. Renovamos a acordo marco, un pouco á alza, aínda que a subida non é real, senón que vén pola paridade do euro e o dólar. Quen non o necesita vai aguantando sen vender», comenta Soledad Fernández, presidenta de Promamañón.

Prezo base de 28,25 euros

O prezo basee sitúase en 28,25 euros por tonelada e acada os 31 euros ao incluír o IVE e a prima pola dobre certificación (PEFC e FSC). «Imos perdendo forza porque Ence sempre acaba gañando, pon o prezo que quere», lamenta Ramón Reimunde. Para o presidente de Promagal, a federación que agrupa a 25 colectivos de produtores do norte da Coruña e A Mariña lucense, a explicación radica na imposibilidade doutras compañas de competir nos custos de transporte, dada a proximidade da fábrica de Navia, o que restrinxe as opcións de exportar e abrir novos mercados. A atomización do sector, con miles de pequenos produtores, que operan á marxe das asociacións, constitúe outra baza para Ence, en opinión de Óscar Piñón, presidente de Promaorti e secretario de Promagal.

A papeleira disparou os seus beneficios no primeiro trimestre, ata 13,7 millóns

Coas negociacións para a adquisición de madeira nun momento de certa complexidade e coas asociacións de produtores reprochando a Ence o baixo prezo que ofrece, a compaña fixo público onte os resultados do primeiro trimestre do ano, que guindan un beneficios neto de 13,7 millóns, o que supón un incremento do 72,9% respecto ao mesmo período de 2016.

«A cifra de negocios do grupo ascendeu a 174,2 millóns de euros entre os meses de xaneiro e marzo, un 16% máis que no primeiro trimestre de 2016. Pola súa banda, o beneficio bruto de explotación (Ebitda) creceu un 22,3%, ata os 40,8 millóns de euros, cun bo comportamento tanto do negocio de celulosa, que mellorou o seu resultado un 17,4%, como do negocio de enerxía, que subiu un 38,6%. O custo de produción do grupo situouse en 343 euros por tonelada, un 8,5% menos que no primeiro trimestre do ano pasado, e preto do obxectivo de 339 euros por tonelada fixado para 2017. Pola súa banda, o negocio de enerxía do grupo viuse impulsado polo aumento dos prezos e polo incremento da capacidade instalada tras a adquisición de dúas novas plantas a finais do pasado ano», informou a compaña.

O conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, destacou que «a importante mellora» dos resultados é unha «mostra clara» da solidez do negocio.