Mercadona ofrece nas súas tendas de Ribadeo e Foz 25 empregos temporais

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

J.A.Q.

O sector servizos, co verán no horizonte, dinamiza o mercado laboral

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa tempada estival xa no horizonte, o sector servizos comeza a dinamizar o mercado laboral. É unha tendencia que se repite desde hai tempo, pero que se viu acentuada nos últimos anos pola preponderancia que está adquirindo o turismo. Ribadeo é un dos paradigmas, coas súas máis de 1.600 prazas de aloxamento para unha poboación de 10.000 habitantes. Para atender a demanda, os hoteis teñen que reforzar os seus persoais. Moitos xa o farán a partir da ponte de maio, contratando persoal temporal que terá emprego ata pasadas as festas de setembro. Ocorre tamén cos restaurantes, onde hai casos de negocios que multiplican o seu persoal habitual no verán. É algo máis ou menos xeneralizado en toda a comarca, aínda que en Ribadeo se ve máis marcado porque o sector servizos ten un peso especial na súa economía, xa que aglutina en torno ao 70% da poboación activa.

Para atender ao aumento de poboación, hai cadeas de supermercados que xa están en marcha cos seus procesos de selección de persoal. Ocorre, por exemplo, con Mercadona, que oferta 15 postos de traballo temporais para a súa tenda en Ribadeo e outros 10 para a de Foz.

Mercadona abriu o seu establecemento na zona de Vilar, en Ribadeo, o pasado 3 de novembro, tras investir dous millóns de euros na construción dunha nave propia, cunha ampla zona de aparcadoiro. Abriu cun persoal estable de trinta persoas e de cara ao verán reforzarase con 15 traballadores máis. Apenas uns días antes inaugurara as súas remocicadas instalacións o híper de Eroski, baixo a xestión integral de Vegalsa. Fíxoo cun persoal de 69 persoas, tras crear 12 postos de traballo máis. Son datos -só de dous establecementos- que falan da importancia deste sector na economía en Ribadeo.

De 15.000 a 18.000 euros

Os empregos que ofrece Mercadona en Foz e en Ribadeo son temporais a xornada completa; 40 horas semanais, de luns a sábado. A formación corre por conta da empresa e o salario vai de 15.000 a 18.000 euros brutos anuais, con progresión, segundo é norma en Mercadona. Como requisitos mínimos se esixe dispor da titulación de ESO, residir na provincia de Lugo, don de xentes, carné de conducir para o posto de repartición e dispoñibilidade horaria de luns a sábado. Non se require experiencia mínima.

Os interesados en presentar a súa solicitude para optar aos empregos poden facelo a través da páxina web de Mercadona.