Unha avaría en Foz provoca cortes de luz en varios concellos da comarca

María Cuadrado Fernández
maría cadrado VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Houbo casas e negocios sen subministración durante varias horas e tamén microcortes

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha avaría rexistrada á primeira hora da mañá na zona do polígono industrial de Fazouro, en Foz, provocou durante o día de onte cortes e microcortes de enerxía eléctrica en fogares e negocios en diferentes concellos da comarca. Desde o gabinete de comunicación da empresa distribuidora Begasa confirmaron que a avaría no polígono prolongouse durante veintinco minutos. Ademais dese corte, tamén confirmaron que durante a mañá tiveron lugar outros microcortes na zona de Ribadeo e de Foz, cunha duración de poucos segundos. As mesmas fontes indicaban onte a medioadía que non se definiron as causas da avaría.

A partir das sete e media da mañá, cando se rexistrou o corte principal, foron moitos os abonados que contactaron co servizo de atención ao cliente da firma Viesgo, onde foron dirixidos ao número de avarías (900 101 051). Nese departamento, Viesgo informaba aos abonados da existencia dunha avaría localizada en Santanter e tamén en varios puntos do Occidente asturiano, concretamente nos municipios de Navia e en Coaña.

Occidente astur

Pola súa banda, na central de avarías de Begasa daban conta da existencia dunha avaría localizada en Foz, Muras, Ribadeo e O Valadouro. A través dunha mensaxe gravada foron informados os abonados que recorreron a este servizo en busca de información. A avaría de onte non afectou a todo o termo municipal dos concellos referidos, senón que se rexistrou por zonas. No caso de Foz, abonados de polo menos Fazouro e dalgunhas zonas da parroquia de San Martiño de Mondoñedo estiveron sen subministración nas súas casas e negocios desde as 7.30 horas e durante máis de hora e media.

 

Durante a fin de semana tamén se rexistraron cortes de luz que se prolongaron durante varias horas en distintos puntos da comarca. Nalgunhas casas de Cangas de Foz pasaron a noite do venres ao sábado sen subministración, segundo confirmaron onte varios veciños que xa deron parte aos seus seguros dos danos causados en electrodomésticos.

Onte á noite, tamén en Rúa

Sobre as 19 horas de onte produciuse o último corte de luz do que se ten constancia. Ocorreu na parroquia de Rúa, no Concello de Cervo. Segundo confirmou o propio alcalde, Alfonso Villares , avisouse á empresa distribuidora, Begasa, case media hora despois de que se fose a luz, e ás 21 horas aínda persistía o problema.

Indignación en Ribadeo, onde o alcalde dirixiu unha carta ao responsable da eléctrica

A enésima ocasión en que Ribadeo sufriu microcortes de luz (onte durante a mañá, polo menos unha decena) provocou a reacción airada do alcalde, Fernando Suárez, que enviou unha carta ao responsable de Begasa/Viesgo denunciando unha situación que considera intolerable, ante a que non lle valen as xustificacións e esixe á Xunta que actúe. Pero onte o PP de Ribadeo tamén saíu á palestra, manifestando que á súa entender o que non vale é a actitude e as queixas do alcalde e esixíndolle que reclame solucións a Begasa/Viesgo.

Nunha carta remitida onte a Luis Santalla, de Begasa/Viesgo, o alcalde transmítelle o «enérxico malestar» dos ribadenses polos cortes de luz. Di que non ten explicación que por un orballo se poida ir a luz 15 veces, como ocorreu nos últimos días. Engade que en Ribadeo non se aceptan xa argumentacións baleiras e hai a convicción de que a orixe desta situación está no deficiente estado das liñas e a carencia de investimentos. Finalmente, Suárez pídelle a Santalla que transmita aos seus superiores que en lugar de investir diñeiro en «manter a políticos retirados» utilíceo en mellorar o servizo, que en Ribadeo, di Suárez, é máis propio dunha colonia africana do século XIX.

Minutos antes da intervención do alcalde, desde o PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, opinaba que Suárez «debería tomar cartas non asunto e esixir que se mellore esta situación». O PP reclamou ao alcalde unha actitude máis decidida para responder a un problema que está a ocasionar un gran malestar tanto na poboación como nos empresarios.