A odisea por recuperar o chapeu que leva 9 «Resus»

Ao SOL

Álvaro publicou na súa conta de Facebook e na do Resurrection Fest a desaparición e recompensa para o que atopase o seu prezado complemento

16 jul 2017 . Actualizado ás 00:21 h.

Venres 7 de xullo, ben entrada xa a madrugada. Mentres os miles de asistentes ao Resu están dixerindo o concerto do grupo estrela deste ano, Álvaro perde sen querer o chapeu de cowboy que leva amais . «Tocaban uns amigos meus, caéuseme un momento e cando agachei a cabeza non o vin. Púxenme moi nervioso, non parei de buscar dun lado para o outro, pero non o atopei», explica.

Reaccionou rápido, tirou de redes sociais e publicou tanto na súa conta de Facebook como na oficial do Resurrection Fest a desaparición e a recompensa a quen o atopase. ¡Ollo! Nada menos que 1.000 euros. Por un momento os festivaleros deixaron de atender aos escenarios e centraron as enerxías que quedaban a esas horas de madrugábaa en localizar o valioso complemento. Non é para menos, non era un obxecto persoal calquera. Perdera o chapeu que lle acompañou aos últimos nove Resus e que o converteu en famoso no recinto de Viveiro. «Si, xa se me coñece polo chapeu, chama moito a atención, non me imaxinan sen el, ata mo piden para facer fotos», confesa o seu dono.

As horas ían pasando, e o chapeu non aparecía. As súas amigas vírono triste e fóronse a un chinés a un comprarlle un coas cores do orgullo. Iso cando aínda non sabían que horas despois regresarían á súa furgoneta con ¡o verdaderooo! «Eu estaba aí lamentándome e vinas cunha cara riseira... puxéronse diante e ensináronme o chapeu. Púxenme a chorar como un neno, dixéronme que o tiña un mozo que llo atopou a noite do venres. Contáronlle a historia e devolvéronllo sen problema». Décheslle os 1.000 euros? «A ver, o momento de tolemia ofrecíaos, logo ao día seguinte coa mente máis tranquila pensei que a quen mo devolvese daríalle 100 euros sen problema, 1.000 sería moito non?».

Unha vez xuntos de novo, Álvaro recoñece a importancia que ten para el este artigo que comprou de casualidade un sábado pola noite a un vendedor ambulante porque lle chamou moito a atención e porque nunca antes vira un coas cores de tigre. «Viaxou comigo a todos os festivais e concertos desde que o teño. Sobre todo lévoo ao Resu e ao Hell Fest de Francia, que é onde máis se me coñece. A xente párame e dime: ‘Oe, ti estabas aquí o ano pasado non?' Eu dicíalles: ‘Como o sabes?' Pois polo chapeu. Ten moitos quilómetros e aventuras... se o chapeu falase. O meu 1,94 de estatura, a miña roupa rociera e o chapeu, non pasamos desapercibidos». Haberá que agardar ao ano que vén para fixarse nel. Ata entón «está gardado debaixo da cama. Non quero máis desgustos».