Patrocinado por Patrocinadopor

«A desaparición dás festas faríanos unha ferida»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

PACO RODRÍGUEZ

09 jul 2017 . Actualizado ás 09:50 h.

Cando alguén oe falar de Toldos Gómez, o primeiro que se lle vén á cabeza é a imaxe dunha orquestra tocando durante a sesión vermú. Porque aínda que a actividade desta empresa nada en Arzúa fai máis de cen anos como unha guarnicionería vai moito máis alá, o impacto económico dos festexos que se celebran en Galicia nas súas contas é moi grande.

De feito, foi un dos sectores que os axudou a saír da crise que viviu o campo da guarnicionería nos anos sesenta ao introducirse a maquinaria agrícola. E sobre todo, cando despois comezaron a usar material de PVC. «A desaparición das festas faríanos unha ferida. Só os toldos que facemos para os escenarios, tanto fixos como móbiles, apórtannos sobre un 5 % da facturación», recoñece o director xerente desta firma, Esteban Raposo. De feito, un dos seus principais clientes é ODL, especializada na fabricación de escenarios móbiles. Ao revisar a lista de clientes, no apartado de espectáculos ten 71 nomes. «Só dous deses clientes deixáronnos o ano pasado 120.000 euros, que para unha empresa como a nosa é unha cantidade moi importante», apunta.

A historia de Toldos Gómez, que ten fábricas en Arzúa, Santiago, Bergondo e Lalín, é un aval á hora de facerse con encargos como as lonas que se usan en grandes concertos. Hai que pensar despois en todo o negocio de carpas para churrascadas populares, para casetas en mostras de artesanía... «Hai concellos que compran as carpas e despois úsanas para diferentes eventos», lembra. E non só iso. Porque no país da choiva, quen esquece a lona ao organizar unha festa.