Patrocinado por Patrocinadopor

«Lousame non avanzou nada nestes dous anos»

La Voz

AGRICULTURA

23 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ou líder dos socialistas lousamiáns, Julio Paradela, resume o que vai de mandato coa frase «Lousame non avanzou nada nestes dous anos».

-Que bota en falta no goberno?

-Unha falta de xestión e transparencia total, parece que gobernan en base a ocorrencias, tirando os cartos. Somos o único concello da zona sen un convenio colectivo e levamos unha década esixindo un inventario de bens públicos. Cando [Villaverde] herdou a alcaldía comprometeuse a estudar a petición dun local para que a oposición atendese aos veciños e seguimos sen el. A opacidade no conflito do tesoureiro é tal que lle estamos pagando o 75 % do salario a esa persoa. Esa opacidade tamén se reflicte en todos os escritos que remitimos ou as preguntas que realizamos no pleno e das que non obtemos resposta. Parece que só hai una prioridade: o turismo. Mais Lousame é un concello agrícola, gandeiro e forestal, por que dende o Concello non se pediu entón a máxima exención para as novas taxas do catastro e se acatou a retroactividade de catro anos?

-Como ve o panorama en materia de proxectos?

-Fanse investimentos faraónicos en San Finx e en Toxosoutos que nos comen cartos, pero seguen sen ser rendibles. No museo mineiro inverteuse máis dun millón de euros e os accesos son terceiromundistas ou só abre con visitas guiadas. Mentres, o centro de día ten un déficit de 30.000 euros anuais. Tampouco se aposta polo rural, os núcleos de Bargo, Servia, Comparada, Xestoso, Fruíme e Fontefría continúan sen saneamento. O cemiterio municipal non ten subministro de auga e no civil impera a maleza.

-E sobre o enlace de Portobravo co corredor Brión-Noia?

-Toda esa inversión e traballo faise para beneficiar a Noia. O único que aportará a Lousame é que se deterioren as nosas estradas co paso de vehículos pesados.

Julio Paradela denuncia que o Concello non loitou en contra das taxas do catastro.