Patrocinado por Patrocinadopor

A herba

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O Mar

AGRICULTURA

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Éposible que vostede, barbancés ou barbancesa empeñada en manter unha pequena horta coa que celebrar anualmente o sabor dos «tomates de verdade» e agasallar a todos os familiares con bolsas de excedente hortofrutícola, xa teña claro que facer nesta ponte de maio: rozar a herba.

Eu confésoo: teño que facer estes días unha viaxe ao sur de España, a medias traballo e a medias lecer, e abandono a terra de Breogán co arrepentimento de que teño a herba sen segar e a casa comeza a estar rodeada dun manto vexetal digno dunha película de Tim Burton.

A herba xéranos responsabilidades (e arrepentimentos) case ao nivel dun fillo rebuldeiro, e sen dúbida deu lugar a un dos refráns máis sofisticados, sensibles e poéticos que pariu o noso acervo popular: «Mes da herba, mes da merda».

Desculpen o vocabulario pero a herba sempre provoca estas cousas. Na época dos nosos avós estes problemas da modernidade -a herba entolecida medrando á vista dos veciños- non existían; daquela, en canto algo medraba uns centímetros, xa había unha boca de ovicáprido, bóvido ou humano disposto a reciclala.

Hoxe en día a herba é a consecuencia incómoda da nosa teima en non deixar desaparecer o campo e querer comer san e delicioso. Así que, señores e señoras que, coma min, xa estades obsesionados en ver medrar a herba, pensade que de alí non vai marchar e que tedes ata xuño para aburrirvos a segar.

Celebrade a vida e, como me din sempre os urbanitas que teñen solucións para todo, «mercade unha cabra».