Patrocinado por Patrocinadopor

Mollavao non se libra do lixo: agora tócalle ao aparcadoiro

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AGRICULTURA

Tras valarse a leira de Malvar, o aparcadoiro disuasorio é a nova zona cero de verteduras nun barrio que está farto do seu mal aspecto

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Somos un patiño feo. E non hai maneira de cambiar esa imaxe do barrio de Mollavao, éche triste». A frase pronunciábaa onte un veciño entrado en anos e en canas que paseaba polas inmediacións do aparcadoiro disuasorio, popularmente coñecido como a parcela onde se instalan os circos. En realidade, se se percorre este terreo de punta a cabo, un entende que ao home non lle falta a razón. Por que? Porque Mollabao non logra librarse do lixo, dos vertedoiros incontrolados. Ata que hai uns días limpouse e valou, a antiga parcela de Malvar era a gran zona cero dos residuos. Agora, parece que lle cedeu a testemuña ao aparcadoiro. Nel hai un pouco de todo, desde restos de podas e ata esterco a un sofá amarelo que, conforme pasan os días -leva xa un tempo alí-, vai perdendo a cor e os coxíns, agora esparexidos polo terreo.

Empezamos por aí, por esa esquina da parcela dos circos onde alguén decidiu desprenderse do sofá amarelo. Aí, hai algo de todo. Desde unha mangueira negra ata restos agrícolas, un váter ou varios televisores esnaquizados. E mesmo hai bolsas cheas de lixo orgánico abertas e espalladas, cos seus restos de comida por alí tirados e as súas latas aceitosas rodando polo chan. Unha perrita, Laika, achégase a husmear. Pero o seu dono, Manuel, habitual do aparcadoiro, a chama enseguida para que se á parte do lixo: «Isto é un noxo, eu veño aquí coa cadela pero nin pasear se pode, porque está todo cheo de lixo», indica.

Preto do sofá e do resto das verteduras, hai unha especie de zona acoutada cunhas pedras e unha porta metálica e, tras ese peche, terra e pedras. Estes tamén son verteduras? Non. Enseguida aparecen traballadores de Viaqua, a concesionaria do saneamento e o abastecemento, e explican que, en realidade, aí gardan eles material que sacan das obras para logo volver utilizalo. A conta das verteduras de lixo, tiveron que valar o seu espazo para que non se mesturase cos desperdicios.

Noutra parte da parcela, pegada a unha casa cos cristais esnaquizados, hai tamén un pneumático enorme tirado e, ao lado, unhas arquetas sen tapa e con varias mangueiras ao aire. Mesmo hai unha chave de auga que calquera podería abrir sen problema. Nesa parte, o lixo mestúrase coa maleza aínda que, afortunadamente e por tratarse da primavera, agora hai flores que alegran a horrenda estampa. Se se vai pola parte de atrás do aparcadoiro, a que dá á estrada vella de Marín, a situación xa roza o esperpento. Alí está José Manuel, un home que vive na caixa dun camión e que non deixa de acumular cachivaches ao redor do vehículo que ten como fogar. A maiores, preto de onde el vive, tamén hai restos de cascallos e de electrodomésticos.

A parcela onde se sitúa o aparcadoiro disuasorio é de Costas. Por ese motivo, a marxe de manobra do Concello ás veces é bastante limitado.