«Teño moita sorte por ter nacido na familia que teño»

Ana Sequeiro

FERROL

Luma e a súa filla Eva adoran a súa profesión e están desexosas de estrear en Ferrol a nova obra de Teatro do Noroeste que chega á cidade o 24 de setembro

13 sep 2009 . Actualizado ás 02:00 h.

A Luma Gómez entroulle a curiosidade polo teatro cando comezou a participar no grupo de interpretación Teatro Estudo no instituto Sofia Casanova. Por aquel entón, as oportunidades de converterse en actriz eran escasas e, tal e como conta Luma, «o mundo da arte estaba moi politizado» nuns tempo nos que Francisco Franco era o xefe do Estado. Hoxe, despois de moitas décadas e 30 anos de democracia, Luma será a encargada de revivir a Carmen Polo na obra que se estrea no teatro Jofre de Ferrol o próximo 24 de setembro.

Preto, pero desde outro posto estará Eva Alonso, a súa filla, que con apenas 27 anos converteuse nunha produtora de teatro apaixonada pola súa profesión. Con todo, hai algúns anos Eva non tiña tan claro que o seu futuro estivese entre os bastidores dunha compaña de representación. «Cando era pequena e preguntábanme se quería ser actriz, dicía que non desexaba traballar en nada relacionado co mundo do teatro», sinala Eva. De feito, a moza produtora comezou a carreira de Química coa intención de dedicar o seu futuro á ciencia.

A vida levoulle por outro camiño e a súa nai está moi orgullosa de compartir profesión coa súa filla. «Estou en encantada cando traballo con ela, de feito, xa estivemos xuntas noutras obras e é marabilloso», comenta Luma. Eva tamén asegura sentir unha emoción especial cando traballa coa súa nai. «Como todas as nais e fillas temos os nosos tira e afrouxa pero é bonito traballar con ela».

A moza produtora asegura que leva o teatro no sangue e que tivo moita sorte de nacer na familia á que pertence. «Mamei o teatro desde moi pequena e por iso desde sempre vin cousas que agora uso para traballar», comenta Eva.

Nai e filla móstranse moi ilusionadas pola estrea en Ferrol da nova representación de Teatro do Noroeste. «Creo que a cidade a vai acoller moi ben, estou a desexar estrear», afirma Eva, algo que comparte coa súa nai, que sinala que poder representar na súa urbe natal sempre é un pracer.

Segundo Luma encarnar a Carmen Polo «non é doado», pero ela tampouco baseou o seu papel en «imitala totalmente», comenta. A Eva parécelle moi divertido poder ver á súa nai convertida na esposa do Ditador. «Á parte de traballar no teatro son unha gran espectadora e cando vexo á miña nai interpretando sobre un escenario sempre fai que senta máis os seus papeis. Rio ou choro máis que con outros actores».

Ambas aseguran que están moi unidas e que traballar xuntas crea outros vínculos á parte do familiar. E é que teñen moitas cousas en común, como o amor que senten polo mundo da arte.

Luma non sabe se sería de novo actriz se volvese nacer, «é ciencia ficción, pero seguramente si», comenta. Con todo, Eva asegura que non ten abandonado o camiño da ciencia por iso agarda acabar este ano a carreira. Pero conta que se tivese que escoller fose profesora, «porque tes tempo libre para dedicalo a outras cousas. Aínda que seguro que o acabou inviertiendo no teatro». E é que, ao final, a cabra sempre tira ao monte.