Unha Amalia Gómez desgarradora hoxe en Viveiro, en «39 veces chao»

e. m. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

A veterana actriz encarna a unha muller maltratada hoxe no Pastor Díaz.

24 novs 2011 . Actualizado ás 17:44 h.

A compaña Bengala Produccións, baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón, representa hoxe en Viveiro 39 veces chao (se algún día esta muller morta). Será no teatro Pastor Díaz ás 20.30 horas. A montaxe contou co apoio de Agadic e agora chega da man de Cultura e Igualdade da Deputación Provincial con motivo do Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

A veterana actriz da escena galega Amalia Gómez afronta todo un reto de interpretación. A obra está baseada no testemuño real dunha muller maltratada. Desgarradora e íntima á vez, Amalia Gómez íspese desde o principio ante o espectador e éncheo todo soa cun teléfono móbil, que na obra coas constantes chamadas simboliza a tiranía e o control e vai marcando o ritmo e as escenas.

A música elixida, de Mahler, e a coidada iluminación a cargo do director Xosé Manuel Rabón favorecen esa intimidade para a muller que se refuxia nunha cova do mar porque alí, di, está mellor que na súa casa.

Bengala Produccións estará o sábado no auditorio Gustavo Freire e continuará a súa xira por Galicia. A obra é unha adaptación ao teatro da novela Se algún día esta muller morta, de Miguel Sande, Premio Repsol en 2006. Da adaptación encargáronse Lino Braxe e o propio director Xosé Manuel Rabón. Pódese ver esta noite ás 20.30 horas no teatro Pastor Díaz.